Hoxe absolveron aos directivos do xornal Egunkaria, acusados de pertencer a ETA. O xornal, o único escrito integramente en euskera, xa non está, pechouno o xuíz Del Olmo hai 7 anos.
Non é o único caso: en 1998 o xuíz Garzón pecha Egin, acusado de formar parte do entramado financeiro de ETA; meses máis tarde, nunha instrución do caso cheo de irregularidades, o xuíz Garzón levanta o peche, pero a editorial cae en bancarrota. O mal xa estaba feito.
A xustiza no Estado Español actúa a capricho dos dous grandes partidos. Neste contexto é habitual, por desgraza, o xurdimento de xuíces mediáticos, xuíces estrela, super-xuíces, que fan interpretacións das leis en función do número de titulares que poidan acadar nos medios de comunicación para agradar ao poder político, que trasladan a un dos piares básicos do estado de dereito, o da xustiza, a súa particular loita polo poder. E neste contexto se explica a probábel inhabilitación de Garzón, nunha das poucas cousas boas que fixo, que é o de levar perante a xustiza aos altos cargos do Franquismo. Pero algo está podre no ordenamento xurídico do Estado cando case 40 despois da morte de Franco isto segue a ser unha cuestión pendente.
E agora que? Pois agora nada. Obxectivo cumprido, o xornal está pechado, un paso máis na demolición controlada do Movemento de Liberación Vasco de Euskadi.
Déixovos cun vídeo que atopei dunha rolda de prensa da plataforma 18/98+, que coido moi acaído para o momento. Refírense ao caso concreto que trata de vincular as actividades de empresas e diversas organizacións políticas e sociais abertzales de Euskadi con ETA, pero coido que se pode estrapolar ao caso Egunkaria.