Image may be NSFW.
Clik here to view.A semana pasada o colectivo de presos de ETA deu un paso adiante para tentar desenmarañar o conflito vasco: recoñeceu o dano causado, asumía a legalidade penitenciaria, deixaba vía libre para que os presos atoparan a mellor solución para súa situación persoal e, o máis importante, rexeitaba a violencia e asumía a vía política como o camiño para solucionar o conflito vasco.
O paso adiante da esquerda abertzale veu seguido dun paso atrás do goberno central. Onte a garda civil, ás ordes do Ministerio de Interior, detiña a oito avogados de presos de ETA, que nese momento mantiñan unha reunión de coordinación do grupo que tiña como o obxectivo facilitar a interlocución do Colectivo de Presas e Presos Políticos Vascos (EPPK) no exterior.
Este operativo, así como as detencións foi anunciado antes de que se producira nunha nota asinada polo ministerio de Interior, que posteriormente foi anulada, deixando entrever que este operativo carece do máis mínimo fundamento xurídico, buscando unicamente unha repercusión mediática, que evidentemente conseguiron. Este é unha deses tantos operativos orquestrados desde o goberno central contra a esquerda abertzale que ao final acaban en nada, pero que conseguen manter viva unha pantasma que quere desaparecer e pasar páxina.
O que demostra esta acción do goberno do PP é un profundo desprezo pola democracia e pola xustiza. Demostra que non lles interesa o máis mínimo superar e solucionar o conflito vasco. E demostra, que o Estado español segue ancorado no pasado, segue ancorado na ditadura.
Neste sentido coido oportuno recordar unha secuencia da película “El lobo”, baseada na vida de Miquel Lejarze, un infiltrado do Ministerio de Interior franquista en ETA na década dos 70 do século pasado. Nesta secuencia, o protagonista nunha conversa cun alto funcionario do ministerio ponlle en bandexa toda a cúpula de ETA, porén este responde, que iso non lles interesa, que senón terían que facer concesións políticas á esquerda abertzale.
Resumindo: que ETA quere desaparecer, pero o Estado non pode vivir sen ela.